O TEMPO EN VIVEIRO

ESCOLA DE MÚSICA DE BURELA

ESCOLA DE MÚSICA DE BURELA
Concerto final do 3º curso interdisciplinar de Música. Dirixe Carlos Timiraos

BANDA DE MÚSICA DE VIVEIRO

BANDA DE MÚSICA DE VIVEIRO
Concerto breve de Nosa Señora - Praza da Fontenova, 15 de agosto de 2012

Concerto na Praza Maior (8 de agosto de 2012) xunto coa Banda Naval

Concerto de ADRAL - 24.03.2012

Concerto de Nadal 2011 (28/12/2011)

Concerto de Sta. Icía 2011 no teatro Pastor Díaz

Concerto breve o día de Nosa Señora de 2011

Pasarúas en Betanzos (18 de xuño de 2011)

Concerto ADRAL - 2 de abril de 2011

Concerto Sta. Icía 2010

Actuación en Covas, fronte aos Castelos, por mor da celebración do bicentenario do naufraxio da Fragata Magdalena e do Bergantín Palomo - 31/10/2010

Concerto de Nosa Señora 2010 - Praza da Fontenova

Concerto benéfico da Banda Municipal de Viveiro a favor de Haití (20-03-2010)

Concerto de Nadal 2009 con D.Hortensio - 26 de decembro de 2009

Concerto de Sta. Icía 2009 - Teatro Pastor Díaz

Actuación na Casa da Cultura de Burela coa Coral desa localidade. (7-11-09)

Concerto breve na Fontenova o 15 de agosto de 2009

Concerto de Semana Santa - 14 de marzo de 2009

Concerto de Nadal 2008 - Teatro Pastor Díaz, 27 de decembro - Director: Delio Represas Carrera

Concerto de Sta. Icía 2008, conmemorativo do 50 aniversario da refundación da Banda e homenaxe ao ex-Director D. Alfonso Mariño Parapar. -Momento da actuación coa interpretación do fado "Cançao do mar" a cargo de Lidia Carrión -

Concerto breve do 15 de agosto de 2008 na Praza da Fontenova

Procesión do Corpus (Viveiro, 25 de maio de 2008)

procesión de Semana Santa (16-03-08)

actuación no casino de Viveiro por mor da celebración do 25 aniversario desa entidade (1-12-07)

Concerto de Sta. Icía no teatro Pastor Díaz (24-11-07)

AUDICIÓN FIN DE CURSO 2007-08 * CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VIVEIRO

AUDICIÓN FIN DE CURSO 2007-08 * CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VIVEIRO
Grupo de saxofóns - Canción de R. Schumann

.

.
procesión de Santa Cecía (22 de novembro de 2007)

*

*
actuación na praza maior o 6 de agosto de 2007

*

*
actuación na praza da Fontenova o día de Nosa Señora de 2007

*

*
actuación en Allariz o 14 de xullo de 2007

BANDA XUVENIL DE VIVEIRO

BANDA XUVENIL DE VIVEIRO
Concerto de Nadal 2008 - 27 de decembro - Dirixe: Mateo Gómez Naval

***

***
Actuación na praza da Fontenova o 17 de agosto 2008 - Dirixe: Mateo Gómez Naval

***

***
actuación na praza da Fontenova o 11 de agosto de 2007 - Dirixe: Carlos Timiraos

*

*
presentación da banda xuvenil música do Conservatorio de Viveiro (agosto 2006)

*

*
vista panorámica de Viveiro e Covas dende San Roque

sábado, 28 de julio de 2007

O OFICIO DE FERREIRO


INTRODUCIÓN
Dende fai case vintecinco séculos vénse utilizando o ferro como material de uso común, debido a que está presente de forma abundante na natureza formando parte da cortiza terrestre. As súas propiedades físicas de dureza, maleabilidade, tenacidade e ductilidade, fano moi apropiado para a construción de infinidade de obxectos útiles para o home; por iso, chegou a converterse no máis usado a partir do século XIII a. C., a Idade do Ferro, substituíndo ao bronce que era a aliaxe máis empregada.
Na Península Ibérica introduciuse arredor do século VII a. C., con certo atraso respecto a outras zonas coma Oriente, probablemente impulsado polos fenicios. En Galicia a aparición dos primeiros instrumentos metálicos de ferro tamén datan da mesma época, coincidindo coa construción e ocupación dos castros; nas escavacións arqueolóxicas realizadas, aparecen restos de útiles de ferro, coma cuncas, ferramentas, armas, fouces, cravos, ferraduras, entre outros; a aparición de escouras de ferro a carón dalgunhas construcións castrexas indican que a forxa, entendida como labor, debeu ser unha tarefa cotiá na vida nestes poboados.
Unha das testemuñas da importancia que tivo, ao longo da historia, o traballo do ferro en Galicia é que hoxe en día conservamos moitos nomes comúns, topónimos e patronímicos que derivan del; así, atopamos palabras coma ferreiro, ferreira, ferraría, ferrón, Ferreirós, Ferrol, Ferreiravella, Ferreira do Valadouro, Ferroño, ferretería, ferralán, etc.
De todos os xeitos debemos ter en conta que os traballos están sempre condicionados ao momento histórico e ás aplicacións prácticas emerxentes segundo a época:
-Na Hispania prerromana, momento que supuxo o auténtico punto de partida da arte da forxa, o seu uso principal era o de fabricación de armas e instrumentos de labranza.
-Durante a ocupación árabe engádenselle, á funcionalidade, certos valores e elementos estéticos.
-Co románico aparecen pezas complementarias como reixas, pechaduras, cravos e faroliñas; máis tarde iranse incrementando eses labores manipulativos sobre o propio forxado como é o caso do cicelado.
En todo isto a figura clave resulta ser o ferreiro, oficio masculino que hoxe podemos ver coma unha reliquia do pasado pero que, dende os tempos máis antigos ata a aparición da industria moderna e da comercialización masiva, tivo unha grande importancia gozando dun gran recoñecemento social.

A FORXA E OS SEUS ELEMENTOS
O ferro empezouse a traballar nas forxas e ferrerías, onde todo o proceso era manual a base de quentar o ferro mediante a combustión, nun fogar apropiado, do carbón vexetal ata alcanzar temperaturas duns 1.000 ou 1.200 graos centígrados, medidos mediante a observación maxistral da cor que adopta o material, tendendo de vermello ao branco a medida que se aproxima á temperatura de fusión, en torno aos 1.550 graos; entón, por medio dunhas tenaces, colócase sobre dunha zafra, e cunhas mazas e outras ferramentas de percusión, o máis axeitadas ao traballo que se pretende, váiselle dando a forma desexada sempre controlando a temperatura ideal que lle confira ao obxecto as calidades mecánicas necesarias para o seu uso. Así, un bo tempero, logrado co enfriamento rápido en auga ou aceite, é a clave para lograr un bo fío de corte nunha espada, nun fouciño ou nun coitelo.

A forxa, entendida como a maneira de traballar o ferro, é unha das manifestacións artesás máis antigas; pero ímonos referir á forxa agora coma o lugar, espazo ou obradoiro, situado normalmente nun alpendre pegado á vivenda principal, ou mesmo na súa planta baixa, onde se realizan os traballos de modelado e tratamento do ferro. Para iso cómpren uns recursos básicos como son o carbón, a miúdo fabricado polo propio ferreiro a partir de madeiras duras, e a auga, que serve para producir forza mecánica e mesmo, caso das ferrerías máis modernas, cuxo sistema foi importado do País Vasco e das fragas catalás, para xerar aire a presión para avivar o fogón, senón, doutro xeito o aire producíase tirando con frecuencia dun barquín. Ver figura 1.


MATERIAIS E FERRAMENTAS DO FERREIRO
Dentro do lugar do labor da forxa existen diferentes útiles e instrumentos cos que manexar e dar forma ao ferro incandescente,
Entre os elementos fixos están: (figura 1)
(1) - fogar, forxa ou ferralleira. Lugar onde se queima o carbón e se requenta o ferro para o seu tratamento posterior. Sobre el está a cambota ou tiro do fume (15).
(12) - fol ou barquín. Instrumento pendurado do teito a modo dun gran pulmón feito de coiro coas caras de madeira, cun grande volume de aire que é comprimido tirando dun manubrio (13), é mediante unha válvula, tamén de pelello, se volve a encher. Cuns tubos condúcese o aire a presión ata o fogar.
(2) - a pía. Sempre chea de auga para realizar o brusco enfriamento da masa de ferro. O seu volume ten que ser suficiente para evitar que se requente.
(4) - a zafra. Instrumento constituído por un gran bloque de ferro ou aceiro; ten forma dun paralelepípedo que sobre un lado remata nunha punta piramidal e noutro cónica; serven para facer de estampa e dar a forma que se pretende; tamén leva algún furados onde se asentan outros útiles para cortar: as talleiras (6). Todo o conxunto forma unha peza única dun tamaño que pode roldar o medio metro de longo e un peso considerable; ao servir de mártir para a percusión das pezas vai asentado sobre un pé (5) dun tronco de árbore que lle confire a necesaria estabilidade, a altura ideal para o traballo e, ao tempo, serve de elemento elástico de unión co chan para amortiguar o bater do martelo ou da maza.
(14) - a moa. Aínda que esta ferramenta é propia do afiador, rara é a forxa que non dispón dunha pedra branda, abrasiva, en forma circular, montada sobre un eixe que se acciona co pé sobre unha manivela simple; isto é así porque tamén o ferreiro se encarga moitas veces de cravuñar e afiar espadas, gadañas, coitelos, ...
O ferreiro manéxase ademais con diferentes ferramentas, como:
(8) - tenaces, de varios tipos e formas que serven para agarrar, retorcer e manipular o ferro quente.
-mazas (9) e martelos (7) de diferentes formas e pesos en función do labor a realizar; loxicamente vaise utilizando dende o máis pesado cara ao máis lixeiro a medida que o traballo avanzaba no seu acabado. Ás veces a percusión coa maza sobre a peza asentada na zafra, faise sincronizando o bater de dúas persoas, cada unha cunha maza, para aproveitar o estado físico do ferro cando era unha masa considerable.
(3) – atizador. Para arrexuntar as brasas e realizar asentamentos na forralleira.
(11) - a pá. Serve para abastecer o fogar e para a manipulación deste dente o montón de carbón (10) que se situaba dentro da forxa. Fóra hai outro depósito maior e, como se dixo, ás veces incluso o lugar onde se combustiona lentamente a leña tapándoa con terra para a obtención deste carbón vexetal.

AS FERRERÍAS HIDRÁULICAS
Estas ferrerías constan basicamente dos seguintes elementos:
-Complexo hidráulico para levar a auga que se vai utilizar como forza mecánica.
-Sistema de mazo para o laminado do ferro.
-Sistema de produción de aire.
-Accionamento doutros grupos coma a moa de afiar, e dende finais do século XIX, pequena dínamo para a produción de enerxía eléctrica. Nalgúns casos tamén se utiliza a mesma canle de transporte da auga para o abastecemento do batán do liño e para o muíño. (foto 1)
As ferrerías, polo tanto, están situadas preto de lugares onde hai carbón, ferro e loxicamente a auga, aínda que nun primeiro momento se situaban nos cumios para facilitar a entrada de aire polas tobeiras; comezaron funcionando totalmente a man, pero dende a Idade Media, como se produciu un aumento importante na demanda de útiles, armas e outros elementos de ferro, ideouse un sistema que permitía sacarlle á ferrita o metal de ferro a base do golpeo, para logo nas forxas xa traballalo mellor afinando cara ao útil desexado; foi entón cando se aproveitou esa forza hidráulica que permitiu tamén o funcionamento semi-industrial de muíños, moas e batáns. A aplicación da auga afectou notablemente á transformación do ferro:
-Permite o funcionamento deses grandes mazos cos que se estira e lamina o ferro, unha vez quentado, dunha forma máis rápida
-Producindo correntes de aire continuas sen as cales sería imposible avivar o lume para alcanzar as temperaturas necesarias para lograr a maleabilidade que vai permitir traballar co martelo e co propio mazo.
Nestas ferrarías a corrente de auga move unha roda con aspas, permitindo por medio dun mecanismo artesanal, levantar o mazo e deixalo caer sobre do ferro incandescente. Ademais a auga provoca correntes de aire por medio dun tubo estreito polo cal cae mesturada con aire e, seguindo as leis físicas descritas por Bernoulli e Venturi, produce aire a presión que sae a chorro na forxa (figura 2). Por iso, aquí prodúcense unhas grandes barras de ferro ou vergallóns dos que logo se saca todo tipo de obxectos.
Algunhas ferrerías aínda se conservan hoxe en día en Galicia. Así a de Penacobra, preto de Rubián (Lugo), que se pode visitar perfectamente. Outras están desfeitas como a do río Navea no camiño de Santa Cruz a Edreira en Chandrexa de Queixa.
É de subliñar tamén, pola súa importancia, a de Locay, en Seoane do Courel; foi fundada a comezos do século XIX e fornecíase do ferro do monte Formigueiro. No 1999 foi restaurada e convertida en Museo.
Na maioría dos casos as ferrerías tradicionais quedaron relegadas a simples monumentos etnográficos de cara ao turismo; sen embargo, o proceso da forxa continúa no plano máis industrial e na producción de elementos decorativos: enreixados, balaustradas, etc.

OBRAS IMPORTANTES E EMBLEMÁTICAS DA FORXA EN GALICIA.
Cerraxería da Igrexa románica de San Salvador de Vilar de Donas que formou parte do antigo mosteiro da orde de Santiago, reproducidas pola súa orixinalidade nun decorado da cerámica de Sargadelos.

EVOLUCIÓN DOS TRABALLOS DA FORXA.
Nos tempos modernos naceron os altos fornos que transformaron o tratamento do ferro a niveis industriais, fundíndoo e, por medio de moldes, conséguense as pezas desexadas, co cal as ferrerías pasan a ter menos importancia, especializándose nos útiles artesanais non feitos en serie ou na reparación, afiado e mantemento destes. Pero aínda que o tratamento do ferro ten unhas grandes dificultades técnicas, a forxa do ferro revelouse coma un signo de evolución nas sociedades que o foron coñecendo, ao permitir a fabricación de utinsilios de múltiples formas, de moita dureza e resistencia e preparados para cortar, coma fouces, coitelos, etc.
Nos últimos anos, o número de forxas e ferrarías foise reducindo ó desaparecer boa parte da demanda no campo, xa que ademais de producir obxectos de ferro, colocaban incluso as ferraduras ao gando, sendo o ferrador un oficio “asociado” ao do ferreiro. Unhas poucas forxas, pequenas, aínda perviven grazas a que a xente segue valorando as ferramentas de corte tradicionais, coma os coitelos, fouces, gadaños, machados, etc., e noutros casos, conseguiron reconverterse cara ao mercado da forxa decorativa, e producen reixas, portas, balaustres, elementos de decoración, esculturas, candelabros, etc., pero xa utilizando os novos medios, coma a soldadura e as novas máquinas de taller conxuntamente.

REFRÁNS, DITOS, CANTIGAS OU PEQUENOS CONTOS REFERENTES A ESTE OFICIO

Non existen moitas cantigas, refrán e ditos referentes a este oficio, polo menos na cantidade en que ocorre noutros casos coma os muiñeiros, mariñeiros, xastres; a modo de exemplo sirvan estas cantigas:

A muller do ferreiro
ten unha saia,
que lla fixo o ferreiro
cunha navalla.

Non te cases cun ferreiro
que te queiman as muxicas.

Non me case, miña nai
con ferreiriño das forxas;
que me queiman as charamuscas
miña cariña de rosas
-------------
Quen queira sabelas cousas
vaia á forxa do ferreiro,
de volta polo forno,
veña polo fiadeiro,
-------------
Non te cases co ferreiro
que é moi malo de lavare,
cásate co mariñeiro
que ven lavado do mare.
-------------
tecedeira , no tear;
pro ferreiro, pote cheo;
pro xastre, tixola o lar.

Conto popular:
Recollido de boca dun vello en Castrelos (Vigo). Publicado no Tomo IV da edición facsimilar da Revista Nós . Edit. Xuntaza Editorial.
Había en Castrelos un ferreiro que deixara decorrelos días da súa mocidade sen decatarse de que había mulleres no mundo; cando chegou a vello namorouse dunha rapaza nova moi cobizada polos mozos da freguesía. Como era rico logrou facerse coa xoia de Castrelos, máis os mozos xuraron acedarlle a vida.
O vello namorado cravou a fiestras da casa, pechou a muller dentro, e nin asía durmía sosegado, porque polas noites de ruada os mozos enchían o vento de cantigas de mal dicir e o sangue do vello virábase solimán.
A muller do ferreiro era moi devota e á forza de bágoas logrou licencia para ir á misa todos os días. A casa estaba a carón do adro, e a porta sur da igrexa daba dereitiño á da ferrería, de feito que o ferreiro podía traballar ao tempo que ollaba a muller na misa. Con todo e nin con iso a coitada tiña paz na casa de Deus, pois os ollos do dono feríana de lonxe con dúbidas noxentas.
Unha mañanciña chegou pola ferrería unha vela lurpia, tida por meiga en todo Castrelos e nos seus redores, e solermiñamente deitou nos oídos do ferreiro estas verbas pezoñentas:
-Por moitas voltas que lle deas, ti morrerás axiña e a túa muller casará... casará cun rapaz que sei eu...
Na que intre, a pobre casada, de xeonllos na igrexa, pedíalle paciencia a Santa María. O vello ferreiro fitouna e sinteu que lle subía á cabeza un ramos de sangue. Inducido polos ciumes colleu o ferro e meteuno no lume... Os folgos da ferrería traballaron de firme e o ferro púxose de contado candente e encamiñouse cara á igrexa, disposto a desfacer, ante Deus mesmo, a fermosura da súa muller.
E Deus, o bo Creador de todo, non quixo que o ferreiro desfixese unha das súas mellores obras, e cando o ferreiro, cego de ciumes, ía entrar na igrexa, tapouse a porta subitamente cunha parede de pedra.
O milagre foi soando naquel tempo e aínda hoxe a porta sur da igrexa de Castrelos permanece pechada.

Tampouco é que haxa moitos xéneros literarios; é de destacar a peza teatral “O Ferreiro de Santán” de Daniel Varela Buxán estreada no "Teatro Argentino" de Buenos Aires, no mes de decembro do ano 1941 pola Compañía Galega Boga-Tacholas. Na narrativa actual temos a obra “O merlo de ferro” de Antón Cortizas; descríbenos o labor dun ferreiro facendo cazos, olas, coitelos, cancelas e que tamén pon ferraduras a cabalos e vacas.
En canto a outras artes, na pintura, é célebre o cadro de Velázquez “La Fragua de Vulcano” no que se representa o deus Apolo descendendo ás profundidades da terra onde traballa Vulcano –o deus ferreiro- para comunicarlle o engano ao que o somete a súa esposa, Venus, co deus da guerra Marte.

OFICIOS ASOCIADOS AO DE FERREIRO
Ferrador
Carboeiro
Afiador

No hay comentarios:

VIVEIRO

VIVEIRO
vista panorámica de Viveiro dende O Paraíso

*

*
paseando por Viveiro ás... -fotografías enviadas por Lázaro-

*

*
(Lázaro) estrea a súa "Canon 400 D"

*

*
ao pasar pola Gañidoira